Foto: Fernando del Río Martínez

:: Ampliar Imagen ::

Museo Museo Arqueológico Provincial de Ourense
Inventario CE003942
Clasificación Genérica Armamento; Metais
Objeto/Documento Espada
Tipología/Estado pistiliforme
Materia/Soporte Bronce
Técnica Fundición
Forxado
Dimensiones Anchura = 5,70 cm; Grosor = 1,10 cm; Lonxitude = 68,50 cm; Peso = 820 gr
Descripción Consta dunha longa folla de dobre gume e unha empuñadura calada tripartita. A folla, de sección lenticular e cuxa máxima anchura dáse preto da punta, presenta unha suave nervadura ou crista axial de reforzo, máis acusada no extremo proximal, e conserva partes co fío biselado. Na zona de unión coa empuñadura conserva nun dos cantos un delicado motivo de espiga como elemento decorativo. A empuñadura, á que se fixarían en orixe unhas cachas de óso ou madeira mediante cravos, estaría composta por garda, fuso e pomo. O fuso é rectangular, con rebordes laterais e tres orificios dispostos lonxitudinalmente -probablemente tería algún máis como parece indicar a zona de rotura na lingüeta que fixo desaparecer tamén o pomo-; a garda, de contorno en V pechado, ten tamén rebordes e tres orificios para remaches en cada lado.
Foi fundida en molde bivalvo e posteriormente forxada. Os buracos foron feitos por perforación, aínda que posiblemente se tivera conformado en molde unha zona máis adelgazada onde situalos. Os buracos dispostos na garda amosan restos de metal desprazado pola perforación nunha das caras. A folla foi traballada por forxa, conformando un suave nervio central e un biselado simple nos fíos. E posible que o tratamento térmico trala forxas sucesivas non fora dabondo para a homoxeneización do metal, polo que as tensións provocadas orixinan varias estrías transversais á folla, así coma fisuras (observables a lupa). Algunhas destas fendas son anteriores ao proceso corrosivo e varias aparecen en ámbalas dúas faces, polo que constitúen posibles liñas de fractura. O acabado xeral é puído e a superficie presenta unha forte abrasión lonxitudinal. Aínda así, obsérvanse algúns poros produto de problemas de desgaseado no proceso de coado.
Está incompleta, faltándolle un anaco no extremo da lingüeta, e encóntrase fracturada en dúas partes á altura do cuarto inferior da folla. As múltiples fendas transversais están especialmente afectadas pola corrosión. Está cuberta por unha pátina verde escura.
Datación 1100[ac]-900[ac]
Contexto Cultural/Estilo Idade do Bronce Final II
Uso/función Equipamento militar / Armamento ofensivo
Lugar de Procedencia Mouruás
Lugar Específico/Yacimiento Pena dos Castros
Historia del Objeto O achado da espada produciuse de forma casual en 1968, ao ser lanzada pola explosión dun barreno, cando se facía extracción de pedra nunha canteira inmediata ao lugar de Mouruás, para a construción dunha estrada, polo que debía ter sido acochada nunha fenda da rocha. Pola documentación que se conserva no Museo sabemos que, en realidade, o achado tivo lugar no mes de novembro de 1967 e que a canteira estaba na paraxe denominada Pena dos Castros.
[Exposicións: La Guerra en la Antigüedad. Ministerio de Defensa, 1997]
Clasificación Razonada Considérase tipoloxicamente unha produción do Bronce Final II e inscríbese no grupo coñecido coa denominación de "espadas pistiliformes", que engloba aqueles exemplares con folla de forma lanceolada, semellante ao pistilo dunha flor. As súas peculiaridades morfolóxicas e concretamente o aspecto plano da folla debido ao escaso desenvolvemento da nervadura, vense como riscos indicativos de arcaísmo dentro do modelo e, polo tanto, a súa datación situaríase entre os anos 1100 - 900 a.C, xa que, entre outros aspectos, unha maior definición da crista axial, acompañada en moitos casos de incisións lonxitudinais, considéranse mostras de modernidade que van estar presentes nas derradeiras fabricacións pistiliformes.
Estas consideracións levan a Gonzalo Meijide, no seu estudo sobre as espadas do Bronce Final na península ibérica, a integrala no grupo das primeiras espadas pistiliformes atlánticas, cuxa orixe estaría no denominado tipo Hemigkofen. É esta unha das variedades de espada pistiliforme da Idade do Bronce Centroeuropea, ben documentada no val do Rin, que se considera como base de toda a produción atlántica das armas pistiliformes con empuñadura tripartita.
Este novo tipo de armamento, que supón unha clara ruptura coa tradición existente, parece ter sido invención das xentes da chamada Cultura dos Campos de Urnas. A expansión destes dinámicos pobos da área occidental de centroeuropa por todo o continente traducirase nun importante tráfico de xentes, ideas e mercancías. Neste contexto, os produtos metálicos propios desa cultura chegarían a ser importados dende territorios alleos a súa zona de expansión, caso das costas occidentais francesas. Aquí servirían de modelo aos obradoiros locais, onde ademais de reproduciren prototipos foráneos, crearían novos tipos que se difundirían polo amplo espazo das rexións europeas integradas no denominado Bronce Atlántico. Deste xeito, moitos dos artefactos achados en Galicia ou noutros puntos da Península son practicamente iguais a outros aparecidos en Bretaña, no S.E de Inglaterra ou a propia Irlanda, o que dá idea do dinamismo e a importancia que a partir deste momento adquiren os intercambios comerciais. Todo isto sen negarmos a orixinalidade dos diversos focos metalúrxicos locais, sobre todo naquelas rexións favorecidas por unha relativa riqueza mineira, como se supón no territorio galaico.
As circunstancias do achado da espada de Mouruás fan pensar que debeu ser acochada de xeito intencionado nunha fenda da rocha, posiblemente tamén cunha finalidade funeraria e, ao mesmo tempo, de control dun punto de paso estratéxico, segundo interpretación de Ruíz-Gálvez. A súa ocultación respondería, pois, a mesma intención que a súa deposición nas augas: é un acto público de sucesión/competición polo poder, mediante a amortización dun obxecto de valor social, dun símbolo de rango que distinguiría a preeminencia dos xerarcas locais, en sociedades onde a natureza do poder non está institucionalizada. Do mesmo modo que o xesto do Rei Arturo, extraendo a espada da rocha na que estaba fincada, é un acto público de lexitimación do seu ascenso ao oficio rexio.
Bibliografía COFFYN, A. Le Bronze Final Atlantique dans la Peninsula Iberique. 1985. Lám. XI-2; Centre Pierre Boccard, París.

FERRO COUSELO, J. Breve reseña del Museo. Boletín Auriense. Ourense (l): 1971, I. pp. 303-304.

LORENZO RUMBAO, B. Espada de Mouruás. Peza do mes. Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, 05/2006. Disponible en: <http://www.musarqourense.xunta.es/wp-content/files_mf/pm_2006_05_gal.pdf> Consulta: 02/02/2017.

MEIJIDE CAMESELLE, G. Las espadas del Bronce Final en la Península Ibérica. Universidade de Santiago de Compostela, 1988. pp. 14-15.

MEIJIDE CAMESELLE, G; ACUÑA CASTROVIEJO, F. Nuevas armas del Bronce Final halladas en Galicia. Boletín del Seminario de Estudios de Arte y Arqueología: BSAA. Valladolid: 1985, pp. 180-182.

RUIZ-GÁLVEZ PRIEGO, M. Depósitos del Bronce Final: ¿sagrado o profano? ¿sagrado y a la vez profano?. Ritos de paso y puntos de paso. La ría de Huelva en el mundo del Bronce Final europeo. Madrid: Universidad Complutense, 1995. p. 24; Complutum, Extra 5.

RUIZ-GÁLVEZ PRIEGO, M. La Península Ibérica y sus relaciones con el círculo cultural atlántico. 1984. p. 101, nº 141; Universidad Complutense, Madrid.
Catalogación Comendador Rey, Beatriz; Lorenzo Rumbao, Belén
| más imágenes |

Foto: Fernando del Río Martínez

Foto: Fernando del Río Martínez

Foto: Fernando del Río Martínez

Foto: Fernando del Río Martínez

Foto: Fernando del Río Martínez

Foto: Fernando del Río Martínez

Foto: Fernando del Río Martínez

Subir

© Ministerio de Cultura | v49.0 Accesibilidad | Mapa Web | Créditos | Contacte con Cer.es | Condiciones de uso | NIPO: 551-09-131-6